Jorge R. Pombo, alquimista e confrontador de contrarios

Os camiños da arte contemporánea son múltiples e insospeitados. Na galería Artur Ramon alóxanse agora unha variacións pictóricas elaboradas a partires de pezas renacentistas. O artista é Jorge R. Pombo que leva máis dunha década interpretando esas variaciónsVariacións que organiza entre a homenaxe aos grandes mestres e o vandalismo canalla e surrealista. Variacións que executadas coma quen enfila o tao, o camiño. Haberá algunha constatación de que o azar cada día é menos azaroso?

 

Variacions. Loita dos contrarios

Vida e morte son abstraccións do crecemento;

Dificultade e facilidade son abstraccións do progreso;

Cerca e lonxe son abstraccións da posición;

Forza e debilidade son abstraccións do control;

Música e fala son abstraccións da harmonía;

Antes e despois son abstraccións da secuencia.

(Lao Tse. Tao Te King)

 

Na mística, na filosofía oriental, ten moito predicamento a lectura da natureza, da vida e da existencia en xeral como unha loita de contrarios. A vida e a morte son complementarias. No libro Tao Te King, do pensador Lao Tse, explicítase continuamente ese anverso/reverso, ese positivo/negativo, que se alberga dentro de cada ser, de cada obxecto.

Nos anos 70 en España, e tamén en América Latina deuse a coñecer a psicóloga chilena Marta Harnecker. De ideoloxía comunista, centrou os seus estudos nos comportamentos do movemento obreiro e na súa formación ideolóxica. Foi asesora do goberno de Cuba e gran divulgadora marxista. Nesta derradeira laboura fixéronse moi populares o seu libro Los conceptos elementales del materialismo histórico, manual que foi empregado por partidos comunistas de ambas ribeiras do Atlántico, e mormente os Cuadernos de educación popular, uns libriños moi sintéticos sobre marxismo, e onde se insistía moito, precisamente, na loita dos contrarios. O mesmo facía, por aqueles mesmos anos, o filósofo comunista Tchang En-tsé no seu libro Verdad y conocimiento (Akal, 1974), no que se pode ler: En el proceso de conocimiento humano, verdad y error, dependen la una del otro, se transforman la una en el otro.

Eses procesos dialécticos, que tanto se atopan na mística zen como na praxe socialista de Mao Tse Dong, non son moi próximos aos postulados da cultura occidental. Nestas latitudes é máis doado atopar afirmacións unívocas: o branco é branco; a noite é o que semella. Tal vez por iso –instalados na vida– espante tanto a morte. No filme xaponés Okuribito (Despedidas), do director Yojiro Takita (2008) hai unha demostración evidente de como a morte pode axudar a vivir: Daigo, o protagonista, violonchelista queda sen traballo e regresa á súa vila natal xunto coa súa muller. Alí acaba aceptando o traballo de enterrador, onde ha practicar o ritual de lavar os corpos para a derradeira viaxe. Nese traballo fúnebre, non desexado, Daigo acaba atopando as forzas para vivir.

Jorge R. Pombo. Variacions. Dadaísmos

La utilització de pintures clàssiques per a la meva recerca pictòrica va començar el 2005, amb el Crist a la Creu de Velázquez, i va continuar després amb altres mestres, com ara Caravaggio, Tiziano, Guido Reni, … Ho concebo com un exercici conceptual d’apropiació. Una proposta contradictòria, d’homenatge i vandalisme alhora. Amb la lluita de contraris com a camp de lloc, com a plantejament de base de cadascun dels meus quadres (J. R. Pombo, 2018).

Jorge R. Pombo nace en Barcelona no ano 1973, aínda que de familia procedente da bisbarra de Becerreá. Pombo estuda e viaxa por varias cidades, entre elas New York e a súa formación recibe frutíferas e diversas influencias, o que logo se reflicte nas múltiples propostas estética que vai facendo. Hai no quefacer deste mozo entusiasta cores e pinceladas de Turner, ou de Friedrich. A deconstrución, o ataque reverencioso aos clásicos non se pelexa cos romanticismos. Se as súas propostas escoran polos eidos pictóricos do autor de O Temerario remolcado a dique seco (1839) non pode ser por menos admirador dos cantos sinfónicos de Mark Rothko, ese artista que remata por concentrar todo o seu traballo nas investigación das cores e das súas combinacións; e das xestualidades embrutecidas de Kline. Nestes meses de verán presenta na galería Artur Ramon a atractiva e refrescante proposta de Variacions de Tintoretto.

Pombo ten o descaro de facer o que lle peta. Practica a metapintura apropiándose do espírito e as esencias estéticas de grandes artistas, para logo rachar con eles: en curto espazo de tempo, en escasos metros cadrados é quen de convocar aos demiúrgos, e proceder á alquimia de viaxar violentamente do pasado ao futuro. Cal é a resultante? O presente, puro e duro. O presente do xogo. Se fose fotógrafo sería tamén un enfant terrible. As súas imaxes difuminadas, fóra de foco, non son máis ca o produto da irreverencia. Todo semella apuntar a que Pombo non é mitómano; é un investigador sen deuses artísticos. Ou é ao revés? No seu xogo Jorge Pombo indaga e reproduce as pezas dos seus ídolos estéticos para logo xogar con eles e subverter mensaxes, contidos, volumes e cores. Elucubrar sobre as azarosas variacións. E ir máis aló: matar aos pais artísticos.

Que música escoita Jorge R. Pombo mentres traballa? Música clásica?, quizais; ópera, é posible. Pero á vista de moitas das súas composicións, que se achegan (sen buscar definicións) ás prácticas do expresionismo abstracto, e que rematan por pasar pola action painting, diríase que a súa música favorita é o jazz. O jazz vibrátil e inzado de variacións que crea un Thelonius Monk, por exemplo. Variacións e improvisacións; a provocación ao azar para que el resolva o resultado final. Con todo, cómpre suliñar que para Pombo tan importante (ou máis) como o final é o proceso, o camiño. O camiño (o Tao) todo cheo de contrariedades que xa ditou Lao Tse hai tantos e tantos séculos.

Neste proceso polo que, desde hai tempo, aposta Pombo non deben estrañar as choscadelas ao surrealismo, mesmo á espontaneidade do dadaísmo. Hai nos seus procesos a liberdade precisa para non se sentir coutado polo peso de nomes como Delacroix, Tiziano ou Velázquez. A irreverencia consinte en xogar con todo e con todos. Por iso se pode atopar obra de Pombo en calquera lugar. Agora está na galería Artur Ramon, con Variacions de Tintoretto, pero tempo atrás invadiu unha fermosa capela de Milano coas súas creacións: Religare. Irreverencia. Pombo arrinca, neste caso, da utilización dese infinitivo latino (religare) co significado de atar, volver a xuntar, recoser, para encher as paredes da capela de San Gottardo –adxunta ao duomo de Milano– con planos e mapas de cidades sagradas para as relixións monoteístas. Con ese significado conceptual elabora un discurso de aproximación, de crítica, de evidencia dos conflitos.

 Algo similar fai o artista en New York coa peza RENDER, na que se opera a performance de que, sobre un mapa da cidade de New York, debuxado e na terra primeiro unha bailarina e logo un danzarín, executan unha danza, mentres uns músicos tocan unha peza bastante reiterativa (jazz?). Durante a danza –que se torna conflitiva– as liñas do mapa da cidade van pasando ás peles dos danzadores e perdendo perfís. Unha combinación de danza contemporánea e body art. A provocación, o azar. Noutras ocasións Pombo elabora obras audiovisuais parellas á sombra doutros artistas. Tal é o caso do que fai cun autorretrato de Vincent Van Gogh, deseñado en grande e fixado no chan, sobre o que unha bailarina exercita unha danza contemporánea, animada por música cacofónica. O resultado, unha nova obra debuxada no papel, logo das rápidas e reiteradas evolucións da danzante sobre o autorretrato do autor d’A Noite Estrelada.

 

 

Variacions. Delacroix, Caravaggio, Tiziano

Porque o único sentido oculto das coisas

É elas não terem sentido oculto nenhum,

É mais estranho do que todas as estranhezas

E de que os sonhos de todos os poetas

E os pensamentos de todos os filósofos,

Que as coisas sejam o que realmente parecem ser

E não haja nada que compreender.

(Fernando Pessoa, O Guardador de Rebanhos, 1911-1912)

 

Jorge R. Pombo leva anos (desde 2005) xestionando variaciónssobre obras consagradas de grandes mestres da pintura. Reproduce a obra, tal cal, e logo guinda sobre ela o azar: un disolvente. Que busca? Que pretende? Coa primeira parte pode, evidentemente, dicir que rende homenaxe a quen fundamentaron a pintura europea ao longo dos séculos. E coa segunda?, coa destrución caprichosa desa exacta reprodución? Nesta parte o artista envurúllase coa túnica do místico e percorre os vieiros do camiño, o Tao. Execución, eliminación. Os contrarios. Pombo coloca a pintura de Tiziano ou Delacoix, copiada amorosamente, no chan e sábese monxe budista ante a mandala primorosa e rematada. Que cómpre?: destruíla. O importante é o proceso, non o resultado final. Pero o disolvente non bota as cores ao vertedoiro: xoga con eles. E aquí é onde entra o azar, as improvisacións que se escoitan a un Coltrane sublime. A pintura automática herdada do surrealismo, vía a escola de New York e o seu expresionismo abstracto. O baldeo contra o dripping.

Con este proceso longo, respectuoso e debedor na súa primeira parte, e inesperado, na segunda, o artista con obradoiro en Rubí, culmina elaboracións tan suxestivas como as variacións sobre La Liberté guidant le peuple (1830), de Eugène Delacroix, en especial esta Variation on Delacroix’s ‘Liberty Leading the People‘ (II), de 2009. As figuras ben coñecidas que se intúen por medio da néboa dos séculos, brazos, corpos, bandeiras a vibrar co capricho do disolvente. A mandala revirada. Ou trátase do que hai máis aló do espello? E se Pombo entrou con este lenzo maxestoso na caverna platónica e está a mostrar as ideas? Non as ficcións falsas das aparencias; non. A idea. A idea de liberdade. Todo un xogo: pintar a liberdade dun romántico para logo desvelar a Liberdade real; a conceptual. Outro tanto é preciso dicir da Variation on Caravaggio’s ‘Saint Jerome‘ (4), 2015. A fantástica pintura do grande innovador da pintura europea céntrase aquí nunha vanitas barroca: o santo ermitaño reflexionando sobre a vida, ante o futuro, a caveira. O resultado de Pombo vén sendo un mandala tinguido de vermello na que manda a idea da morte, da transitoriedade.

A exposición anterior a Variacions de Tintoretto, na galería Artur Ramon, foi a dos irmáns Santilari: 7 pecats capitals, amb Josep Santilari i Pere Santilari,na que os pintores xemelgos de Montgat presentaban oito soberbias vanitas(dúas para a Avarícia) para ilustrar os pecados capitais. E que vanitas! Cunha caveira e dos elementos (caracois, no caso da preguiza; moedas, para a avaricia, etc) son quen de crear unha iconografía excelsa. E xusto antes dos Santilari o baixo da rúa Bailen, onde agora reside a prestixiosa galería Artur Ramon, acugulouse coas instalacións de Pamen Pereira (Tiempo imaginario). En tales espazos Pamen Pereira deveu a xamán das ucronías, a feiticeira que fai voar restos orgánicos, que teletransporta ao visitante; a  alquimista da materia dos soños. Que xeitos tan distintos de aproximarse/rebelarse contra os clásicos da pintura! E, ao tempo, que riqueza de suxestións para quen pode gozar delas!

 

Jorge Pombo –persoa culta e de ampla e esmerada formación– no seu escrito co que presenta a mostra Variacions de Tintoretto, comenta que o artista e teórico da escola de New York, Barnet Newman, escribiu que o salto evolutivo da escola veneciana de pintura (que remata cara o ano 1600) foi tan grande que se podería cambiar a capricho a orde cronolóxica de todos os pintores (e pintoras?) entre esa data e Delacroix (1830) sen que se detectaran as alteracións. Quizais un pouco esaxerada a rotunda afirmación. En que lugar se sitúa, logo, Caravaggio e a súa radical concepción do feito pictórico? No revolutum dos dous séculos longos? Cabe preguntarse por máis artistas, tamén.

 

Jorge R. Pombo, Variacions de Tintoretto. Galería Artur Ramon

Tintoretto és un pintor extremadament irregular, capaç de tocar el cel dels mestres de la història en una obra i de demostrar en la tela següent la manca de destresa pròpia d’un aprenent. No calcula, solament executa. Com a fruit d’aquesta manera de fer impacient, el seu art inclou el concepte de dubte, oposat a la gerarquia piramidal i unidireccional que dictasven els florentins, i això el fa contundentment postmodern, apreciable a la nostra mirada del segle XXI (J. R. Pombo, 2018).

Pintura automática a partir de obras dun pintor renacentista. Variacións. Variacións, divertimentos musicais. Cóntase que nunha ocasión Mozart tivo que participar en Viena nunha competición contra un músico italiano alí radicado, para saber quen era mellor músico. O outro músico esmerouse ao piano executando unha peza preciosista propia. Cando lle tocou a quenda a Amadeus, sen partitura, comezou executando as simples notas dunha nana. Xa se daba por gañador a o italiano. Entón Mozart comezou a crear de cero as variacións sobre as sinxelas notas anteriores. Seica non daban crido o que alí se oía. Tan boa foi a creación que acabou por rexistrar esas variacións: Mozart. Variacións en Do mayor, “Ah! Vous-dirai-je, maman!”. Esplendor auditivo.

Como xa se dixo, Pombo comeza as súas variacións cunha homenaxe: debuxa tal cal as liñas da obra escollida; as mesmas medidas do orixinal. O deseño faino aproveitando proxeccións sobre a tela. A seguir pinta; coas mesmas cores que pintaba o mestre ao que homenaxea. Para o proceso de pintura –como moitas veces as pezas son grandes– é axudado por outras persoas, xa que non pode secar a pintura. E logo chega o momento da irreverencia, os intres de desfacer a mandala clásica que executou con tanto esmero; a hora do vandalismo. O baldeo: o disolvente corre pola tela, que xas na terra, para que os azares se conxuren e alumen outra creación. En Zurich, no ano 1916, un grupo de mozas e mozos remataron por facer performances teatrais pronunciando dadá, da, da, dá, da, da …. Cen anos despois Pombo fai o mesmo co baldeo de disolvente. Os resultados, pois o artista con raíces en Becerreá executa en varias ocasións esas variacións, son a demostración da loita de contrarios. Como se a pintura clásica estivese agardando polo exercicio complementario para xogar ao yin e ao yang, e así atopar o seu tao, o seu camiño, resultante de tanta contradición.

 

Aproveitando que neste ano 2018 en Venecia conmemoran o Cinquecento Anni di Tintoretto, Jorge Pombo decide orientar as súas variacións cara as obras deste pintor veneciano. En concreto sobre unha obra icónica para a cidade dos canais e ben coñecida dentro da historia da pintura: Il Miracolo dello Schiavo (1548). Trátase dun lenzo de 415 por 541 centímetros que a Sereníssima lle encarga a un pintor ben novo (29 anos) chamado Jacopo Comin, que acabará sendo coñecido polo oficio do pai Il Tintoretto. O motivo da pintura é honrar a San Marcos, o patrón da cidade insular. O tema baséase na historia dun escravo. O tal escravo vive na Provenza francesa e pide permiso ao seu patrón para peregrinar a Venecia, venerar os restos de San Marcos. A petición é denegada, pero o escravo, tan devoto, decide marchar igualmente. Á volta espérao un castigo exemplar: os seus ollos serán furados por paus afiados e todos os seus ósos rachados a golpes de martelo. No intre que o escravo xa está no chan, e os executores a punto de comezar o suplicio, aparece voando o espírito de San Marcos que cun só xesto desfai os útiles da tortura. O escravo é o único que ve o espírito (o único que ten fe), e o amo perdoa a vida do seu servente.

A ampla pintura ten unha composición moi dinámica. No primeiro plano atópanse as 35 figuras que asisten á tortura, máis o espírito do santo que descende das alturas e posición invertida. Máis aló espazos urbanos, profundidades e perspectivas. Tintoretto presenta as figuras moitas de costas, e en posicións tensas. O propio escravo fúndese no chan nun escorzo nu e violento. Resaltan, por tanto, o colorido da escola veneciana e a anatomía dos personaxes, moitos deles con claras referencias ás figuras musculadas de Michelangelo Buonarrotti.

Sobre esta obra renacentista e veneciana, Pombo executa unha serie de variacións, Variacions de Tintoretto, que agora se poden contemplar na galería Artur Ramon. En total fixo unha serie de 35 variacións, algunhas sobre detalles de Il Miracolo dello Schiavo.  Os resultados son sorprendentes e moi coloristas. O azar é o responsable último da pintura automática que mestura cores, elimina matices e altera volumes.

A carón destas Variacions de Tintoretto tamén se poden ver na galería Artur Ramon dous mapas de Venecia aos que Pombo aplicou a mesma técnica. Deste xeito mesmo semella que as augas da lagoa volven inundar as prazas e rúas da cidade dos canais, e aproveita para borrar os trazados urbanos.

Variacions de Tintoretto, do artista Jorge R. Pombo, na galería Artur Ramon. Propostas sorprendentes, con razoada base teórica, que poden agradar ou non. Dise que un escritor está a escribir toda a vida o mesmo libro; que un artista está a elaborar a mesma obra. Que está a pintar Jorge Pombo?

 

Lito Caramés

 

Accés article